25/7/08

XOVES, día 24

Hoxe erguémonos de novo sen présas, almorzamos, recollemos o apartamento, lemos un pouquiño, xogamos, estudamos guías e páxinas de internet sobre Polska (con este nome refírense os e as polacas ao seu país) e preparámonos para sair a coñecer máis lugares que promenten ser de interese. Comezamos por achegarnos ao Pazo da Cultura e a Ciencia, ese tremendo edificio declarado exemplo do patrimonio da arquitectura socialista, que mide máis de douscentos metros e que foi construído entre 1952 e 1955 http://www.pkin.pl/ . Na súa fachada vimos o anuncio de “algo” relacionado con Einstein e aló fomos…

E mereceu a pena, atopamos unha sala interactiva onde puidemos observar e manipular situacións moi interesantes relacionadas coa ciencia: partes do corpo humano, a pelota que se mantén nunha columna de aire, xogos de inxenio, teorema de Pitágoras… e ata asistimos a unha exhibición dun monitor que explicou e manipulou un montón de situacións con globos, aire, gases… que mágoa non entendermos nin papa do idioma!!!





Entretivémonos nese lugar máis do que contabamos e cando saímos xa ía sendo hora de xantar, achegámonos entón á Empík que é unha especie de Fnac polaca e alí tomamos uns sandwiches ademais de mirar libros, xogar nun carrusel e mercar un par de álbumes ilustrados.

Tiñamos moito interese en chegar ata o Parque Łazienki que foi trazado no século XVIII e que é realmente precioso. O malo foi que nos costou moitísimo esforzo chegar a el, non collemos a ruta máis rápida para así ver outros lugares que caesen máis ou menos en camiño pero isto fixo que nos retrasásemos aínda ben e que chegásemos con menos forzas das que pretendiamos. De todos modos, comprobamos que cando aparece un parque infantil sácanse folgos de onde sexa para correr, brincar e subir en cantas atraccións haxa…




O tempo tampouco axudou demasiado a camiñar pois estivo de tormenta, con calor e ameazando chuvia todo o día.

O caso foi que, por fin, chegamos ao Parque e aínda demos unhas cantas voltas máis porque queriamos ver o impresionante monumento que hai alí adicado a Frédéric Chopin (compositor polaco) e que o representa a el xunto a un lago e baixo un salgueiro chorón inspirándose na natureza.

Nada máis chegar e contemplalo comezou unha treboada impresionante e choveu auga a caldeiros durante unhas horas, menos mal que atopamos unha parada de autobús e subimos no primeiro que pasou cara á zona na que vivimos. Chegamos á casa empapados, cansos, contentos e dispostos a ducharnos, facer a cea, cear, xogar un pouco e descansar ata mañá que será outro día cheo de sorpresas e vivencias inolvidables. Ata mañá, entón.

1 comentario:

Aivou dijo...

Jejeje, estabades a facer algo parecido ó que nós fixemos na casa das ciencias... que se Pitágoras, que se Gauss... e a pelota que mola mogollón :o)
Ale, aí vai un bico científico... :*