24/7/08

MÉRCORES, día 23

Hoxe si que nos erguemos sen présas, almorzamos no apartamento con toda a calma que quixemos, lemos un conto, actualizamos o blog, Carlos foi comprar para a cea e preparámonos para saír de excursión pola cidade ata a noite. Comezamos por achegarnos ao Pazo da Cultura e a Ciencia, é o edificio máis alto do país (234,5m) e fíxonos lembrar cinco iguais a el que vimos Carlos e mais eu en Moscú hai quince anos.

Camiñamos un bo treito admirando grandes edificios modernos que conviven con outros antiguos e moitos deles reconstruídos tras os ataques que sufriu Varsovia durante a Segunda Guerra Mundial e que case a destrozaron por completo. Atravesamos un gran parque, Ogród Saski, e fomos saír ao lugar onde se atopaba a Tumba do Soldado Descoñecido, vixiado por dous militares ben noviños e aos que vimos desfilar nun momento para faceren o cambio de garda. Resultounos moi curioso.

E camiñando outro pouco máis, chegamos á impresionante Praza do Castelo, o Castelo data do século XIII e foi sé do rei e dos poderes executivos e lexislativos cando a capital do país se trasladou a Varsovia (ata o ano 1526 foino Cracovia). Foi desvalixado e destruído durante a II Guerra Mundial e reconstruiuse entre os anos 1971 e 1984. A carón do Castelo hai un monumento que é a estatua profana máis antiga da cidade, ergueuse no ano 1644 e representa ao rei Sexismundo III, tamén foi destruída durante a Guerra e reconstruída no ano 1949. Puidemos ver tamén os restos da anterior columna coas marcas das balas e rota en pedazos. Comemos neste entorno privilexiado.


Despois de comer seguimos a camiñata e atopámonos coa Praza do Mercado rodeada de galerías de arte, con casas decoradas mediante murais, con moito bullicio, centos de pombas, un organillo que lle dá un toque especial… resultounos moi agradable parar un pedazo alí e contemplar o ir e vir da xente.


Tamén paseamos pola muralla da que aínda se conservan longos treitos, chegamos así á Barbacana que é a porta que separa (ou une) a Cidade Nova e a Vella e que foi deseñada no século XVI por un arquitecto veneciano, vimos tamén un montón de igrexas a cal máis espectacular.

Baixamos camiñando ata o río e comezamos a camiñata de retorno a casa, grandes xardíns, máis edificios impresionantes, rúas empedradas, un xeado, un parque no que queimar as últimas enerxías do día…




E así foi como fomos chegando á casa para preparar a cea, comela, xogar e descansar ata mañá que seguiremos descubrindo esta singular cidade. Boas noites.


1 comentario:

LM dijo...

que bonita a cidadela. apontamos para futuras viagens. disfrutade muito. beijos