24/7/08

MARTES, día 22

Pois hoxe ás cinco da mañá soou o primeiro despertador e ás cinco e media o segundo… tocaba madrugar para saír cara a Dinamarca de novo e alí embarcar rumbo a Polonia. Todo foi de marabilla, metémonos nos dous coches, Rosalía seguiu durmindo ata Kobenhavn, e en pouco máis dunha hora deixámolos no aeroporto e entregamos as chaves no mostrador de Europcar, non eran máis cas sete da mañá pero preferimos que nos sobrase tempo. Cruzar o estreito de Øresund cara a Kobenhavn aínda resultou máis espectacular que cara a Malmö xa que se vía perfectamente a entrada ao túnel submarino, víase como desaparecía a estrada e só había mar, ata que catro quilómetros despois “emerximos” no lado danés…

Así puidemos facturar sen présas e almorzar no mesmo aeroporto. Embarcamos tamén con moita comodidade xa que aquí habilitan unha sala de control de pasaportes e equipaxe só para familias, aforramos aínda ben cola deste xeito e a verdade é que se agradece un montón.

No avión fomos cómodos, era pequeno e apenas ían mulleres nin nenos, déronnos algo de comer e entretivémonos moi ben durante a hora e media que durou o traxecto. Recollemos as mochilinhas nada máis chegar e dispuxémonos a descubrir unha nova cidade na que nunca estiveramos.


No punto de información indicáronnos cal era o bus que nos levaría ao centro da cidade e como chegar camiñando desde a parada máis próxima ata o enderezo que levabamos anotado. Preferimos ese xeito de viaxar, evitando a facilidade de coller un taxi, mellor dous, que nos deixasen na porta do apartamento. Media hora de autobús e vinte minutos camiñando (que longos se nos fixeron coas mochilinhas ao lombo) foron suficientes para chegarmos rebentados ao “noso” apartamento http://www.homelidays.com/warsaw/piso-apartamento140977es1.htm . Hai que dicir que Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía foron uns campións pois camiñaron moi valentes, cansos e os tres maiores aínda ben cargadiños… Na casa esperábanos unha amiga de Eliza que é a dona do apartamento e coa que eu me comuniquei desde finais de febreiro pero que o sábado pasado tivo un bebé e xa me dixera que non podería estar. A amiga non falaba nada de inglés (tampouco galego nin español, claro) pero amañámonos ben para que nos explicara o funcionamento dos electrodomésticos, pagarlle e esas cousas. Bufff, que mallados estabamos cando chegamos!!!
Desfixemos as mochilas, enchemos a lavadora e non chegou cunha carga, inspeccionamos o apartamento que a verdade é que está moi ben, amañado de hai pouco aínda que nun edificio antiquísimo e rodeado de andamios porque andan a pintalo por fóra.
Cando xa nos sentimos medio recuperados saímos a pasear un pouco e chegamos ata o río Vístula que aínda é ben grande, alí descansamos outro pouco, xogamos, fixemos algunha foto e volvimos camiñando cara a casa parando a mercar comida nun supermercado próximo ao apartamento.

De volta a casa preparamos a cea, hai que ver que ben nos souberon os ovos con patacas fritas… duchámonos, pintamos, fixemos camas e deitámonos algo antes das once da noite para ir recuperando o que non descansamos a noite anterior e prepararnos para o día de mañá en que temos que comezar a descubrir preciosos currunchos desta cidade; as guías e páxinas de internet que miramos indican que ha ser interesante, estamos seguros de que vai ser así pero tamén sabemos que convén ter o corpo descansado…



Moi boas noites e ata mañá!!!

No hay comentarios: