Cando o ceo ameazaba chuvia e pouco antes de que caese un bo chaparrón, marchamos da praia e continuamos cos coches bordeando a costa ata chegar a Sandskogen, lugar este no que acamparamos hai cinco anos. Aproveitando outra racha de sol paseamos pola zona boscosa próxima á praia e acomodámonos nun descampado para preparar unha parrilla de salchichas, venden nos supermercados unhas bandexas preparadas con leña e aceite para que ardan rápido e axiña fagan brasa, por riba teñen unha especie de tea metálica de galiñeiro e sobre ela cocíñase, acompañámolas de pan e ketchup e a verdade e que nos souberon riquísimas…
Sorprendeunos o terceiro chaparrón cando estabamos xogando ao mini-golf nun chiringuito no que tamén atopamos conexión a internet para “surfear” (así din eles) un pouco. Daquela abrigámonos no voladizo do bar e despois continuamos a excursión cara a Ystad.
Paseamos de novo por Ystad visitando algúns currunchos que o sábado non chegaramos a ver e disfrutando de tan bonita vila http://www.ystad.se/ystadweb.nsf/AllDocuments/34E3C5CE4E2837ACC12570D90055ECBF
E ás sete xa estabamos de volta no albergue para cear, despedirnos moi agradecidos de Tomás e Nieves (quero poñer aquí o enlace ao seu albergue e destacar a vantaxe que pode supoñer, e no noso caso supuxo, que falen castelán http://www.snarestad.com/) e facer as mochilas e cargalas nos coches mentres os pequenos comezaban a coller o sono pois mañá arredor das cinco xa soará o espertador para irmos espabilando… Ás sete queriamos estar no aeroporto de Kobenhavn e temos que devolver os dous coches antes de embarcar con destino Varsovia.
E agora a durmir axiña, que dentro de nada estaremos outra vez en pé. Boas noites!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario