24/7/08

DOMINGO, día 20

Pois hoxe foi un día realmente tranquilo, que remedio!!! Non puidemos solucionar nada do tema do coche porque, ao ser domingo, o taller onde quedou está pechado… tampouco tivemos maneira de contactar con Europcar (pensabamos na posibilidade de que nos puxesen outro) porque a documentación quedou dentro do coche. Así que foi un día de relax esperando a solucionar o tema mañá a primeira hora, xa veremos como vai a cousa.
Erguémonos e almorzamos antes das dez, chovía moito daquela pero despois foi escampando e ata saíu o sol aínda que non con moita forza. Decidimos entón saír a camiñar e explorar a zona a pe, equipámonos con calzado cómodo, chuvasqueiro e bañadores que non puidemos utilizar, auga, galletas e botamos a andar. Viamos o mar ao lonxe e así fomos facendo quilómetros ata dar coa praia, a paisaxe é moi bonita, grandes extensións de remolacha, campos inmensos cubertos de cereais: trigo, cebada, avea…

Camiñando moito chegamos ata o mar e desde alí seguimos andando ata a praia onde paramos un bo pedazo para xogar por alí e xantar nun pequeno quiosco no que ofrecían peixe, tomamos un prato de salmón, uns langostinos e un par de bocadillos entre todos, así recuperamos forzas para facer o camiño de volta, calculamos que a camiñata supuxo arredor de dez quilómetros. Uns campións!!!




E de volta no albergue estivemos polos arredores paseando un pouquiño máis, descansando nas mesas e sillas do xardín, xogando co gato e ceamos a comida que moi amablemente nos prepararon e serviron Nieves-Rosa e Tomás, a verdade é que son unha xente encantadora e sentímonos moi cómodos con eles, falan moito e cóntannos moitísimas cousas cada vez que nos atopamos, Tomás incluso se ofreceu a irnos buscar á praia cando lle dixemos que iamos camiñar eses cinco quilómetros que nos separaban dela. Coa cea collemos unhas pouquiñas forzas e así puidemos dar unhas patadas ao balón antes de irnos deitar para esperar o día de mañá.

Estamos desexando saber que pasa co “noso” coche… Boas noites!

2 comentarios:

Os Tartarouchos dijo...

Ai! Que boa dose de aventuras e desventuras!

E eu so agardo máis!

Sabela dijo...

Moitas grazas Tartarouchos por acompañarnos. Axiña teredes máis aventuras...