24/7/08

SÁBADO, día 19

Pouco a pouco ímonos adaptando sen ningún problema aos horarios destes países nórdicos. Almorzamos no albergue antes das nove da mañá e conseguimos deixar todo recollido para marchar del antes das dez, faltaba tan só un minutiño cando deixamos as sábanas e toallas en recepción.

Subimos no coche dispostos a percorrer unha boa distancia ata chegarmos a Suecia. Antes de coller ese camiño desviámonos dez quilómetros para chegar a Stige que é un pobo pequeniño e pesqueiro situado nun fiordo, non queriamos abandoar o país sen antes ver un lugar destas características. Acomodámonos no coche a continuación e comezamos a facer quilómetros, eran 225 os que nos separaban do noso destino: Ystad.

Impresionounos de novo a comunicación entre as dúas illas: Fionia e Selandia coa tremenda ponte colgante, illa artificial na que pacen ovellas, vacas… a verdade é que circulamos a moi bo ritmo e non paramos ata chegar a territorio sueco. Tamén alucinamos co paso entre Dinamarca e Suecia, fixémolo polo estreito de Øresund e cruzamos primeiro a través dun túnel submarino que ten catro quilómetros de lonxitude, emerximos nunha nova illa artificial e circulamos por unha gran ponte que nos levou ata Malmö que é a capital da rexión de Skåne en Suecia. Non paramos nin para xantar e, grazas unha vez máis ao GPS, chegamos ao albergue sen perdernos nadiña. Alí recibíronnos Tomás e a súa muller Nieves-Rosa que é canaria, de La Palma, é moi faladora aínda que case lle custaba expresarse en castelán, di que leva trinta e cinco anos aquí, tantos como ten a súa filla que hoxe celebraba o aniversario e tiñan unha festa familiar á noite (contounos que é costume celebrar os aniversarios rematados en 0 e en 5). Acomodámonos nunha habitación con seis camas, tres liteiras, e visitamos o albergue que é aínda ben grande, máis ben trátase dun conxunto formado por varios edificios, está nun lugar moi tranquilo, no medio do campo e non é doado dar con el, hai que vir en coche porque non hai transporte público que pase por aquí… Instalámonos entón e dirixímonos a Ystad con intención de comer algo pois xa pasaba das tres da tarde. Metémonos no primeiro lugar que aceptaban tarxetas e coincidiu ben porque atopamos un con xogos para nenos.

Tivemos un pequeño despiste co tema do cambio de moeda, non reparamos en que hoxe é sábado e mañá domingo e polo tanto os bancos están pechados, tampouco calculamos ben o tema da gasolina, cando intentamos repostar en Suecia a máquina non aceptou as nosas tarxetas… pero, alleos ao percance que iamos ter, paseamos por Ystad un par de horas admirando as súas rúas adoquinadas e casiñas da época medieval que nos encantaron a pesar da chuvia que caía e que nos obrigaba a abrigarnos de cando en vez. Pasamos pola oficina de información turística e alí indicáronnos onde cambiar moeda e onde se atopaba a gasolineira máis próxima pois apenas quedaba combustible para retornar ao albergue.


Cambiamos entón euros por coroas suecas e enchemos o depósito de gasoil… dirixímonos a continuación ao súper para mercar comida e así poder facer a cea e almorzos na cociña do albergue. Todo foi ben ata que subimos ao coche de novo e intentamos que arrancase, non había maneira!!! Entón pensamos na posibilidade de que o coche fose de gasolina en vez de funcionar con gasoil… e efectivamente, ese foi o problema. Axudáronnos unhas persoas que pasaban por alí a confirmar que o motor era de gasolina e deixáronnos o seu mobil para telefonear a Tomás, o dono do albergue, e pedirlle axuda. El mesmo chamou a Europcar pero non conseguiu falar con eles, localizou un concesionario Toyota e quedou en que a grúa viría buscar o coche… nestes momentos é cando máis conta se dá un do importante que é falar idiomas!!! Foi unha gran sorte que Tomás nos entendese en castelán, el mesmo veu buscarnos co seu coche e todos xuntos fomos ao taller para entregarlle as chaves ao chófer da grúa. Un pouco cansos e algo fastidiados chegamos ao albergue e puxémonos a cociñar para preparar a cea, fixemos uns macarróns con atún que acompañamos cun cachiño da tarta de aniversario da filla de Nieves e Tomás, son moi agradables e faladores.


Estivemos un pedazo mirando a televisión e xogando na sala ata quedar rendidos e irnos deitar… Tememos que o día de mañá sexa ben máis tranquilo que calquera dos que levamos pasados pois non sabemos nada do coche, estamos nun albergue aillado no medio do campo e chove sen parar.

A durmir, que nunca choveu que non escampase!!!

No hay comentarios: