Comezamos o cuarto día das nosas vacacións case tan cediño coma onte, erguémonos pouco despois das nove da mañá e preparamos o almorzo na cociña do albergue. Despois de recoller e fregar todo marchamos no noso coche familiar cara a Vanløse, desexabamos lembrar aqueles lugares polos que paseabamos, traballabamos e iamos en bici hai cinco anos… Neses momentos chovía un montón pero iso non nos impediu gozar dos bos recordos que aínda gardamos, pasamos por diante da casiña na que vivimos en Holmestien, 13 e paseamos un pedaciño polas inmediacións dun gran lago ao que acudiamos moitas tardes a xogar co balón e dar de comer aos parrulos.
Desde alí continuamos viaxe ata a zona do porto, lembramos aquela travesía Kobenhavn-Oslo durante a cal celebramos o oitavo aniversario de Iago e achegámonos tamén a ver a “Sereíña” (Den lille Havfrue que lle chaman por aquí) chamounos a atención que houbese tanta xente contemplándoa e fotografiándose a caron dela, nós tamén…
A estas alturas a cámara de fotos empezaba a pedir unha recarga de batería e nós tamén precisabamos unha recarga nos nosos estómagos así que demos varias voltas para aparcar non moi lonxe do centro e instalarnos un bo cacho na Biblioteca para xantar uns bocadillos, poñer a cámara a cargar nun enchufe de por alí, navegar por internet, mirar (que non ler) contos e xogar no curruncho infantil que tanto nos gusta.
Saímos de alí e fomos a Christiania http://es.wikipedia.org/wiki/Ciudad_libre_de_Christiania , un lugar moi especial que naceu como unha especie de asentamento hippie e que hoxe en día está aínda ben deteriorado, ata hai moi pouquiño tempo non só estaba permitido consumir droga neste lugar senón que incluso se vendía, agora eliminouse a venda pero segue a haber moito consumo e un forte cheiro a porro que impregna o ambiente. Hai estes días unha especie de “campamento” montado alí con xente de Christiania de Amsterdam e que lle dá moi bo ambiente ao lugar. Á saída de Christiania hai un letreiro que avisa de que estás entrando na Unión Europea…
E desde alí fomos xa ata a casa de Sergio e Isabel que nos convidaron a cear, tiñamos intención de malabarear un pedazo en Strøget pero xa non nos quedou tempo, sentímolo pero seguro que ha de haber outras ocasións… Fomos entón para alá coa axuda do noso xa inseparable GPS e estivemos xogando un bo pedazo na zona de campo común que teñen aquí practicamente tódolos edificios, outra zona común está formada por mesas para xantar e parrillas para cociñar.
E co bo sabor de boca que nos deixaron o churrasco, as salchichas e maila compañía deles despedímonos ata o mes de agosto que seguramente nos veremos en Galicia. Marchamos entón para o albergue onde nos instalamos unha noite máis, será esta xa a última noite neste lugar pois mañá antes das dez temos que deixalo e daquela marcharemos para Odense, na illa de Fionia con intención de visitar a casa e museo de Hans Christian Andersen e outras moitas cousiñas máis que xa contaremos o próximo día.
Polo momento, moi boas noites e ata mañá…
Polo momento, moi boas noites e ata mañá…
2 comentarios:
Ben, Ben!!! Máis novas e aventuras por Europa dos mochilinhas!!
Un bico ben forte, sigo atenta!
PD: Grazas, veciño solidario
Como que Odense?... será Oudense, ho! :oDDDD, vamos, que o Andersen este ven sendo Oudensán.
Publicar un comentario