17/7/08

MERCORES, dia 16

Intentamos madrugar un pouquiño para poder aproveitar ben o día, non queremos descansar moito máis do necesario e vivir con intensidade o tempo que podemos estar por aquí. Con esta intención estabamos xa ás 9:30 duchados e almorzando na cociña do albergue o leite con mel e galletas que onte mercamos no súper.


Pouco despois atopabamonos xa na parada do bus esperando o 2A que nos levaría ao centro da cidade (outra proba do apoio ás familias numerosas neste país é que co bono bus que mercamos no albergue só precisamos picar dúas veces para viaxar os seis: van dous nenos gratis con cada adulto). Baixámonos a carón da Praza do Concello (Rådhuspladsen) e desde alí movémonos por aqueles lugares que desexabamos recordar.

O primeiriño foi visitar o Museo Nacional (Nationalmuseet) e pasar un bo pedazo na súa sección “para nenos/as”, gardabamos moi bo recordo deste lugar sobretodo polo museo infantil onde lembrabamos que había disfraces e xogos cos que aprender un montón de cousas dun xeito máis que divertido; non o vou describir, simplemente amosar imaxes pois coido que elas xa din abondo. Visitamos tamén a outra parte do museo dando unha voltiña rápida, demasiado rápida, desde a prehistoria ata os días de hoxe.


A continuación paseamos por varias rúas de Kobenhavn observando unha vez máis tanta xente e tantos lugares diferentes, a Paulo chamoulle a atención ver mulleres “árabes-rubias que son monxas e teñen bebés” (buff, que difícil é explicar que hai rapazas danesas de relixión musulmana e que non son monxas aínda que vistan así), Rosalía non cansa de preguntar por que razón aquí toda a xente fala tan raro e Ánxela observou que o autobús que collemos pola mañá ía cheo de “estranxeiros”…

Tamén gardabamos moi bo recordo da Biblioteca na que podes mirar libros e contos, ler El País, conectarte a Internet, disfrazarte de novo, xogar nos ordenadores ou ben con monicreques, bonecas, xogos… e todo isto mentres tomas un café con tranquilidade ou mesmo aproveitas para xantar uns bocatas como fixemos nós hoxe.
Isto si que é animación á lectura!!!


E xa pola tarde, cando nos parecía ter vivida xa unha xornada completa e aínda eran tan só as 15:00, decidimos ir pasar unhas horas ao Tívoli, un gran parque de atraccións que foi inaugurado no ano 1843. Era alucinante a animación que alí había, cantidade de xente, espectaculares actuacións de teatro ao aire libre, divertidas atraccións, enormes tobogáns e colchonetas… Entre unhas cousas e outras estivemos alí ata as sete e media da tarde pasándoo de marabilla e sen apenas pestanexar para non perdernos nada.

Despois de tanta actividade e tanta camiñata a verdade é que xa tiñamos ganas de sentar tranquilamente a cear nalgún sitio, fomos entón a unha terraza dun restaurante que se atopa a carón da rúa Strøget pola que non pasan coches e dá gusto pasear. Ceamos alí con Sergio e Isabel (ela chegou hoxe de Jutlandia) e resultounos moi curioso tamén ver que nas terrazas dos restaurantes e cafeterías teñen, ademais de radiadores no exterior, mantas que fan publicidade de marcas comerciais de bebidas igualiño que se de sombrillas se tratase… resulta moi simpático ver á xente amañada e envoltos nunha manta tipo “ancianita de mesa camilla”, nós non quixemos ser menos e ceamos ben tapadiños coa nosa manta verde, de Carlsberg.

Este mes de xullo esta vindo fresquiño de coidado…!!!

E dunha manta pasamos a outra xa para durmir… collemos de novo o bus A2 para regresar ao albergue de onde parecía que xa había días que sairamos (é que vivimos cunha intensidade pasmosa). Demos ademais un paseíño extra porque nos pasamos da parada e tivemos que camiñar e incluso preguntar para chegar ao albergue e así poder acomodarnos na nosa habitación onde desta volta non nos sobra nin unha soa pluma dos nórdicos.

Moi boas noites e ata mañá…

3 comentarios:

DO ACIVRO dijo...

ola vecinhos!!! estamos emocionadísimos seguindovos a pista por eses mundiños polos que andades...xa estamos inquedos por saber o que nos contaredes mañá...

dende a casa verde mandamosvos 10 bicos (un por cada un dos membros) para esa mochilinha tan especial que levades.

DO ACIVRO dijo...

Aun no he visto las fotos pero estoy nerviosa de poder conectar con vosotros gracias a PEPE y Noemí que se han cuidado de que asi haya sido .Muchos besos y hasta otro dia.
AVITA

Sabela dijo...

Oh, que alegria atoparvos. Penso que ainda non actualizaremos nuns dias pero lembramosnos moito de vos e levamosvos nesa mochila, si, como non!
Moitas grazas a avita por acercarse tamen a nos deste xeito, e a vos por axudala.
Un bico, once por seis...