27/7/08

SÁBADO, día 26

Pois o plan de hoxe foi descubrir parte de Mazovia que é a provincia á que pertence Varsovia. Saímos despois de almorzar cara ao oeste do país con intención de visitarmos o Parque Natural “Puszcza Kampinoska” que parecía ter boa pinta… observamos no percorrido diferentes pobos pequenos e gran cantidade de aldeas, moitas casiñas de madeira, agricultura, gandeiría e así fomos atravesando o Parque que non é un lugar nada turístico por certo, esta é unha das vantaxes do coche de aluguer que che permite ir cara a onde che apetece, equivóqueste ou non, e non tes que visitar só aqueles lugares a onde “alguén” decide que debe ir todo o mundo que pase polo país. Chegamos así a unha pequena poboación chamada Nowy Dwór Maz. na que conflúen os ríos Vísła (Vístula) e Narew.

Descubrimos un lugar ben xeitoso para o baño onde o río Vísła parece ter a inmensidade do mar e alí chapotearon os valentes de Paulo e Rosalía durante un bo pedazo.



Unha vez descansados e fresquiños, continuamos viaxe por esta provincia ata chegarmos a Varsovia cando aínda eran arredor das sete da tarde. Entón aproveitamos para visitar unha vez máis a Cidade Vella, escoitar unha actuación de Jazz na Praza do Mercado, sentar a tomar un xeado na Praza do Castelo, contemplar o tremendo Pazo da Cultura e a Ciencia e observar o ir e vir de moitísimas persoas que paseaban pola cidade nesta calurosa tarde de sábado.

E con esta sensación de cansancio unha vez máis pero tamén coa satisfacción de estar aproveitando o tempo para coñecer e visitar cantidade de lugares interesantes, regresamos a casa para preparar a cea, cear e entreternos un pouquiño antes de deitarnos pensando xa nos pouquiños días que nos quedan de estar por aquí. Que axiña pasa o tempo…!!!




Moi boas noites e ata mañá!!


2 comentarios:

Tartaruga dos Tartarouchos dijo...

Jo! Que enerxías tendes! Sodes tremendos e dende logo estades aproveitando ben a viaxe... e nós tamén convosco.
Un biquiño dende a patria ;-)

Sabela dijo...

Non sabes canto agradezo a vosa compañía, tartaruga!!!
;-)