Deixamos o coche de aluguer no aeroporto, facturamos as mochilinhas, gastamos os złotys e groszys (en Polska úsase moito esta letra que nós non coñeciamos, ł ou Ł e que se pronuncia como “u”, tamén hai ą, ę e as nosas consoantes con tilde) mercando unha gorra para Iago, outra para Ánxela, pegatinas para Paulo e Rosalía, un CD de música polaca e tomando un café e refrescos. Así conseguimos “desfacernos” das últimas moedas que onte nos botaron cando faciamos mimo-malabarismos…
Embarcamos cun pouquiño de retraso pero sen inconvenientes e voamos tamén sen contratempo ningún ata tomarmos terra na T4 do aeroporto de Madrid-Barajas tras 3 horas e 30 minutos de vó (informou o comandante de que voamos a 11000m. de altura, 900 km/h de velocidade e sobrevoamos Varsovia, Praga, Nuremberg, Dusseldorff, Xinebra, Touluse, Zaragoza e Madrid). Desta vez tivemos que viaxar separados dous a dous: Iago e Carlos á altura das ás e co corredor polo medio, Ánxela e Paulo ao final do avión e cunha señora que lles resultou moi simpática e agradable, Rosalía e mais eu nos primeiros asentos e cunha muller que viaxaba soa e coa que conversamos mentres non adormeceu…
Chegamos a Madrid e recollemos as maletas cando case eran as sete da tarde, esperamos pola furgoneta do hotel Osuna no que xa fixeramos noite á ida http://www.hotelosuna.com/ e desexamos intensamente chegar antes das oito porque é a hora en que pecha a piscina… Ás oito menos cinco minutos entramos nas instalacións do hotel, era cando o socorrista xa recollía as tumbonas e toallas e non había ninguén na auga, preguntámoslle se aínda podiamos refrescarnos (a temperatura exterior disque chegaba a 32ºC) e díxonos que si. Canto nos prestou!!!
E despois unha ducha e poñer roupa limpa para achegarnos a casa de José Luis, Matilde, Paula e Adrián que nos esperaban para cear. Foi unha velada moi agradable a pesar do cansancio que levabamos enriba, divertímonos falando con eles de multitude de cousas, xogando coa wii e despedímonos cando xa pasaba das doce e media da noite. Coa inestimable axuda do GPS e o noso coche que nos esperou durante quince días nunha rúa contigua á do hotel, chegamos de volta para instalarnos nas dúas habitacións de que dispoñemos e descansar ata mañá pola mañá en que iniciaremos a viaxe en coche desde Madrid ata Muimenta (ás oito da tarde ten que xogar Iago un partido no torneo de tenis, esperemos que non chegue moi mallado e poida disfrutalo).
Ata mañá entón e moi boas noites desde Madrid (ou Madryt como din en Polska).
No hay comentarios:
Publicar un comentario